10-06-2021
PROXECTO EXPOSITIVO XUVENTUDE CREA, MÁIS DUNHA DÉCADA.
UNHA MIRADA AO PASADO, UNHA MIRADA AO FUTURO
O proxecto expositivo Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado, unha mirada ao futuro, está composto por unha treintena de pezas de disciplina tales como deseño de moda, graffiti, banda deseñada, pintura, escultura, fotografía e deseño de xoias; que configuran unha mostra multidisciplinar e multixeracional de artistas que formaron parte do programa Xuventude Crea.
O proxecto preséntanos unha compilación da aposta cultural moza como motor da nosa sociedade, unha posta en valor da mocidade creadora autóctona que, nos máis de dez anos de vida deste certame, medrou e evolucionou baixo a atenta mirada das institucións que apostaron polo seu valor creativo e a súa proxección.
A mostra que ten un carácter itinerante e que se pode ver no Espazo Xove de Lalín desde día 9 de xuño, reflexiona sobre os procesos de evolución, metamorfose e cambio que os e as artistas experimentan nas diferentes etapas da súa proxección.
A temática convídanos a reflexionar sobre os puntos de partida, sobre os inicios, o transitar, os tempos mortos, os intermitentes, as caídas, as reformulacións, as interaccións, as metas e os finais; que dan pé a un novo inicio.
Deste xeito, atopamos obras de artistas consolidados como Sheila Pazos, Thalita Dumont, Noelia Tojeiro Ramil, Ángel López Pérez, Iria Fafián, Miguel Aurelio Cajaraville , Fercho R. Miguélez, Margot Rodríguez Salvador, Paloma Tarrío Alves, Uxía Larrosa, Novenoel, Miguel Pérez Ramudo, Joan Morera Arbones, Lara Pintos, Ruth Miguel Díaz, David Fidalgo Omil, Rebeca Lar, Adrián Penido, Jonatan Blanco Pensado, Mar Ramón Soriano, Adriana Brantuas Arijón, Lis Mª García Calvo, David Catá, Alejandro Rego Díaz, Eva Antelo, Eva Soto Conde, Eva Baqueiro Gil, Lara Bande Huri, Sofía Rivas Souto, conxugando espazos onde reflexionar sobre os territorios físicos e emocionais, interiores e exteriores, prestándolle especial atención ao transitar que neles experimentamos e como estes son responsables e precursores dos nosos cambios.
Obras que dialogan desde o arraigo ás raíces, a memoria e a importancia do colectivo para seguir avanzando.
A exposición poderase visitar ata o 30 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 e de 16.00 a 21:00 de luns a venres no Espazo Xove de Lalín. ESPAZO XOVE DE LALÍN