sábado, 5 de novembro de 2016
Programa de Intercambio Xuvenil Internacional REAJ-2016
Mediante o desenvolvemento deste programa, a REAJ, Rede Española de Albergues Xuvenís, pretende dar unha oportunidade de experimentar, vivir e colaborar nos albergues doutro pais co obxectivo de mellorar os seus coñecementos nun ambiente internacional.
Obxectivo principal do programaPotenciar o desenvolvemento profesional dos mozos/as, facilitándolles así a súa formación nas distintas actividades que se realizan nas instalacións dos albergues.
Así mesmo, adquirirán un coñecemento intercultural durante a súa estancia no pais de acollida, impulsando a aprendizaxe de idiomas, o respecto por outras culturas e formas de vida, e a súa influencia nas distintas ramas profesionais.
A quen vai dirixido?
A mozos e mozas de 18 a 30 anos de calquera Comunidade Autónoma, que reúnan as seguintes características:
• Ter ganas de vivir unha experiencia internacional que mellorará o seu Cv.
• Posuír o carné de alberguista en vigor durante o desenvolvemento do programa.
• Ter un coñecemento fluído do idioma principal do pais de destino (nivel mínimo esixido de inglés: B1).
Como inscribirse?Para realizar a correcta inscrición no programa de intercambios xuvenís internacionais, cómpre completar o formulario de inscrición.
Despois de completar o formulario tes que enviar por email a voluntariado@xunta.es a seguinte documentación:
• Fotocopia escaneadada do carné de alberguista en vigor.
• Certificado que acredite, como mínimo, un nivel B1 de inglés.
• Carta de motivación sobre a inscrición neste programa de intercambio en albergue (Opcional).
A organización reservase a potestade de solicitar máis información aos participantes, xa sexa para comprobar a súa veracidade ou para completar a información (Ex. Solicitude de títulos, diplomas...).
Se unha vez inscrito/a resultas seleccionado/a ademais deberás dispoñer da seguinte documentación:
•Carné de identidade ou pasaporte en vigor.
•Tarxeta sanitaria Europea.
• Así mesmo, os organizadores do programa recomendan dispoñer dun Seguro de viaxe que cubra as perdas de equipaxe, os atrasos, gastos médicos e a repatriación se fose necesario. (Isto é opcional)
Prazos de inscriciónPodes botar a túa solicitude en calquera momento do ano.
DestinosPodes inscribirte en varios destinos, en varias datas dentro dun mesmo destino. Cóntanos no formulario as túas preferencias e tentaremos adaptarnos a elas. Canto máis flexible sexas, máis posibilidades terás de conseguir unha praza!
Destinos nacionais Como novidade, ofrecemos a posibilidade de participar tamén en destinos dentro de España, nos que non é necesario contar co nivel mínimo de inglés esixido.
Proceso de selección de mozos/as participantesA Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta, elixirá os participantes entre todas as candidaturas recibidas pola web, tendo en conta os requisitos indicados anteriormente así como outro tipo de indicacións determinadas pola Asociación Nacional de destino ou os albergues. Os albergues de destino poderían realizar tamén entrevistas vía Skype.
Custos:
Custos sufragados polo albergue de destino: farase cargo da comida en pensión completa e aloxamento do participante durante toda a súa estancia.
Custos sufragados polo participante:
Farase cargo dos custos da viaxe e transporte durante a súa estancia no país de acollida, así como calquera outro gasto derivado da súa estancia (roupa, lecer, agasallos..). Con todo, estarán cubertos aqueles desprazamentos que sexan requiridos pola propia actividade do participante.
Duración:A duración do programa será de entre 2 semanas a 3 meses por participante (a estancia media é dun mes).
Xornada:
A xornada será de 25-35 horas semanais de voluntariado nos albergues (5-7 horas diarias), durante as cales os mozos se familiarizarán coa xestión dos albergues xuvenís, a súa dinámica, funcións a desempeñar...
As horas de voluntariado distribuiranse en 5 días á semana, segundo as quendas establecidas pola asociación de acollida e librarán dous días consecutivos.
Avaliación do programa:Todos os albergues de acollida comprométense a asignar a cada mozo voluntario un mentor que lle sirva como punto de contacto durante o programa e coopere na súa formación.
Ao final do programa de intercambio, os organizadores facilitarán aos seus voluntarios unha folla de avaliación a través da cal o mozo voluntario plasme as súas experiencias e permítanos mellorar o desenvolvemento e competencias do programa en futuras edicións.
Cada participante recibirá por parte dos organizadores un documento acreditativo da súa experiencia internacional nos albergues xuvenís.
Para máis información podes contactar coa REAJ para calquera dúbida ou suxestión que teñas por email contacto@reaj.com ou por teléfono 91 308 46 75 / 91 319 70 67 (de luns a venres de 09:00 a 16:00)
http://www.voluntariadogalego.org/web/modulo.php?mod=ppr&idc=208
http://reaj.com/intercambio.html
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario