luns, 26 de decembro de 2016

Consumópolis12, Internet: fas un uso responsable?



O Instituto Galego de Consumo convoca este programa educativo en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
O obxectivo deste programa é a realización dun proxecto que permita reflexionar de xeito consciente, crítico e solidario, sobre distintos aspectos do consumo responsable mediante a participación nun xogo pedagóxico virtual e nun concurso escolar a nivel estatal. A temática deste curso é a internet: “Consumópolis 12. Internet, fas un uso responsable?”.
Obxectivos específicosPara o alumnado:Adquirir habilidades básicas que lle permitan realizar un consumo responsable na súa vida cotiá.
Coñecer os recursos e as ferramentas para solucionar problemáticas de consumo.
Manexar de xeito consciente e responsable as tecnoloxías da información e da comunicación.
Para o profesorado:
Comprender a importancia e o significado de realizar un consumo responsable e trasladalo ao seu alumnado.
Coñecer e manexar os recursos e as ferramentas para traballar estes contidos e transmitirllas ao seu alumnado.
Aumentar as habilidades de uso das Tecnoloxías da Información e da  Comunicación.
Para o resto da comunidade educativa:Colaborar e participar de xeito activo nas iniciativas sobre consumo responsable promovidas polo alumnado participante no proxecto.
Ser consciente da importancia de desenvolver actitudes e comportamentos cara un consumo máis crítico.
Fases:
Consumópolis consta de dúas fases:
- Primeira fase: Percorrido pola cidade virtual de Consumópolis:
Na primeira parte do concurso, o alumnado participa no xogo pedagóxico virtual desenvolvido a través da plataforma http://consumopolis.es/, no que terá que completar o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, resolvendo diferentes probas, de carácter pedagóxico e lúdico.
Cada centro participante formará equipos de 5 alumnos/as, coordinados por 1 docente (un mesmo docente poderá coordinar varios equipos, pero os concursantes só poderán inscribirse nun equipo), e divididos en 3 categorías de participación:
Categoría 1: 5º e 6º curso de primaria.
Categoría 2: 1º e 2º curso de ESO.
Categoría 3: 3º e 4º curso de ESO.
Para pasar á segunda fase é preciso que os cinco membros do equipo completen o percorrido.
- Segunda fase: Realización dun traballo en equipo.
Nesta edición os equipos terán que realizar un blogue, no que se reflicta un uso responsable de Internet e das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) desde o punto de vista do consumo. Isto implica o estudo e a reflexión sobre cuestións como: as vías de acceso a Internet; os modos de uso das redes sociais; os tipos de produtos TIC consumidos; a reflexión sobre os seus riscos ou como realizar un consumo responsable destes produtos; compra segura e responsable; dereitos e obrigas das persoas consumidoras; formas de pago seguro...
Este traballo poderá optar a dúas convocatorias de premios, unha autonómica e outra nacional.
As dúas fases poderán desenvolverse entre o 15/10/2016 e o 07/04/2017.
Produto final
Creación dun blogue no que se reflicta un uso responsable de Internet e das TIC dende o punto de vista do consumo responsable.
Premio:Os traballos realizados poderán participar en dúas convocatorias de premios, unha autonómica e outra nacional:
Convocatoria autonómica: Concederanse tres premios en metálico de 1.000, 600 e 300 € para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación. A convocatoria para optar a estes premios publicarase no DOG durante o primeiro trimestre de 2017.
Convocatoria nacional: Os primeiros clasificados na convocatoria autonómica representarán á Comunidade Autónoma de Galicia na convocatoria nacional. Os premios nacionais consistirán nun computador portátil ou tableta para cada un dos cinco concursantes e o docente que coordinara ao equipo gañador. Ademais, recibirán un diploma acreditativo como gañadores. Os centros aos que pertenzan os equipos gañadores recibirán un premio en metálico de 2.000 euros e un diploma acreditativo para o centro.

Máis información: https://consumo.xunta.gal/gl/formacion/proxectos/consumopolis

Ningún comentario:

Publicar un comentario