A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten
aberto ata o vindeiro 21 de xaneiro o prazo para participar na décima
edición do Parlamento Xove, programa de debate que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade.
Está
dirixido ao alumnado galego de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de
Bacharelato e en total poderán participar 48 equipos, 24 por cada
categoría.
A iniciativa consiste nunha competición na que os diversos equipos inscritos, formados por catro alumnos e un profesor que será o coordinador, investigarán, escribirán e debaterán
sobre un tema formulado pola organización. O programa realizarase en
dúas fases: unha primeira clasificatoria, da que xurdirán oito equipos
gañadores, e unha segunda na que estes equipos se enfrontarán nunha fase
final. A dificultade da actividade está en que só cinco
minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da
postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación
á cuestión formulada.
Inscrición
Os equipos interesados en participar no Parlamento Xove 2019 deberán enviar telematicamente o formulario de participación
dispoñible na páxina web oficial da competición. Unha vez adxudicado ao
centro unha ou dúas das 24 prazas (por categoría), este deberá enviar
por correo certificado o formulario de inscrición (inclúe a composición
do equipo) antes do 31 de xaneiro de 2019 á Xuventude debidamente
cuberto e co selo do centro de ensino.
Tema
Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da Unión Europea?
Fases da competición
A competición terá dúas fases:
Fase clasificatoria:
os equipos debaterán entre si o/s día/s sinalado/s pola organización,
coa temporalización e distribución de emparellamentos resultante do
sorteo que se realizará publicamente o día anterior ao inicio dos
debates, unha vez que se coñeza o número exacto de participantes.
Os dous equipos que se enfrontarán en cada encontro defenderán posturas opostas:
un equipo asumirá a postura A FAVOR e o outro a postura EN CONTRA, que se decidirá por sorteo minutos antes do comezo do debate.
A
duración desta fase clasificatoria dependerá do número de equipos
participantes, tendo sempre un tempo adicado á competición e outro
pensado para o lecer.
Fase final: os 8 equipos mellor
posicionados na fase clasificatoria debaterán sobre o tema proposto para
esta final de eliminatoria directa. Faranse varios encontros (catro
debates en cuartos de final, dous en semifinais e a final). As
características dos debates serán as mesmas que na fase clasificatoria.
Premios
1) Os equipos gañadores do Parlamento Xove: unha viaxe para os/as cinco integrantes do equipo valorada en 5.000 €.
2) O equipo finalista: un agasallo a cada un dos/das cinco integrantes do equipo.
3)
Os catro mozos e mozas integrantes de cada equipo gañador e finalista
en cada unha das categorías participarán nunha fin de semana de ocio
educativo organizada por Xuventude.
4) O equipo cuxo artigo de investigación fose o mellor valorado: un agasallo a cada un dos/das cinco integrantes do equipo.
5)
Os/as integrantes do xurado poden facer mencións especiais daqueles/as
oradores/as que lles parezan máis brillantes nas súas execucións
considerando os criterios de avaliación establecidos. O alumnado
distinguido con esta mención recibirá un diploma acreditativo emitido
por Xuventude.
Prazo para inscribirse: 21 de xaneiro de 2019
Máis información:
http://www.parlamentoxove.com/images/2019/bases_2019.pdf
A Dirección Xeral de Mobilidade
amplía o prazo de vixencia da tarifa Xente Nova, para mozos e mozas con
idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos de idade, incluídos.
Á xente nova aplicaráselle unha tarifa de 0 € nas viaxes
metropolitanas interurbanas realizadas dentro do ámbito do Plan de
transporte metropolitano de Galicia, cun número máximo de 60 viaxes
mensuais por persoa usuaria.
Que é?
A Tarxeta Xente Nova é a tarxeta de
transporte metropolitano de Galicia que permite realizar todas as viaxes
interurbanas gratuítas.
Quen a pode utilizar?
Mozos de entre 4 e 18 anos,
porque os menores de 4 anos xa viaxan gratis no transporte interurbano.
Cando cumpras 19 poderás seguir usando a tarxeta ata que se esgote o
saldo.
Como conseguila?
1. Solicita cita nesta páxina:http://solicitudonline.abanca.com/Tarjetas/gl/txn
2. Ao facilitar os datos que se solicitan xerarase unha cita na oficina Abanca máis próxima. Non é necesaria unha conta asociada.
3.
Unha vez alí, só necesitan o teu DNI. A tarxeta é gratuíta. Lembra que,
se aínda non cumpriches os 18 anos, deberá solicitala o teu
representante legal, que, xunto co teu DNI, só terá que levar o seu DNI e
o libro de familia ou documentos equivalentes.
4. A túa tarxeta xa está lista. Podes levala contigo e empezar a viaxar.
Máis información en http://tmg.xunta.gal/xente-nova-que-e e no correo electrónico: tmg@xunta.gal

