Amosando publicacións coa etiqueta Parlamento Xove. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Parlamento Xove. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de xaneiro de 2019

Parlamento Xove 2019

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten aberto ata o vindeiro 21 de xaneiro o prazo para participar na décima edición do Parlamento Xove, programa de debate que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade.
Está dirixido ao alumnado galego de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato e en total poderán participar 48 equipos, 24 por cada categoría.
A iniciativa consiste nunha competición na que os diversos equipos inscritos, formados por catro alumnos e un profesor que será o coordinador, investigarán, escribirán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. O programa realizarase en dúas fases: unha primeira clasificatoria, da que xurdirán oito equipos gañadores, e unha segunda na que estes equipos se enfrontarán nunha fase final. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.
Inscrición
Os equipos interesados en participar no Parlamento Xove 2019 deberán enviar telematicamente o formulario de participación dispoñible na páxina web oficial da competición. Unha vez adxudicado ao centro unha ou dúas das 24 prazas (por categoría), este deberá enviar por correo certificado o formulario de inscrición (inclúe a composición do equipo) antes do 31 de xaneiro de 2019 á Xuventude debidamente cuberto e co selo do centro de ensino.
Tema
Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da Unión Europea?
Fases da competición
A competición terá dúas fases:
Fase clasificatoria:  os equipos debaterán entre si o/s día/s sinalado/s pola organización, coa temporalización e distribución de emparellamentos resultante do sorteo que se realizará publicamente o día anterior ao inicio dos debates, unha vez que se coñeza o número exacto de participantes.
Os dous equipos que se enfrontarán en cada encontro defenderán posturas opostas:
un equipo asumirá a postura A FAVOR e o outro a postura EN CONTRA, que se decidirá por sorteo minutos antes do comezo do debate.
A duración desta fase clasificatoria dependerá do número de equipos participantes, tendo sempre un tempo adicado á competición e outro pensado para o lecer.
Fase final:  os 8 equipos mellor posicionados na fase clasificatoria debaterán sobre o tema proposto para esta final de eliminatoria directa. Faranse varios encontros (catro debates en cuartos de final, dous en semifinais e a final). As características dos debates serán as mesmas que na fase clasificatoria.
Premios
1) Os equipos gañadores do Parlamento Xove: unha viaxe para os/as cinco integrantes do equipo valorada en 5.000 €.
2) O equipo finalista: un agasallo a cada un dos/das cinco integrantes do equipo.
3) Os catro mozos e mozas integrantes de cada equipo gañador e finalista en cada unha das categorías participarán nunha fin de semana de ocio educativo organizada por Xuventude.
4) O equipo cuxo artigo de investigación fose o mellor valorado: un agasallo a cada un dos/das cinco integrantes do equipo.
5) Os/as integrantes do xurado poden facer mencións especiais daqueles/as oradores/as que lles parezan máis brillantes nas súas execucións considerando os criterios de avaliación establecidos. O alumnado distinguido con esta mención recibirá un diploma acreditativo emitido por Xuventude.
Prazo para inscribirse: 21 de xaneiro de 2019
Máis información:
http://www.parlamentoxove.com/images/2019/bases_2019.pdf

luns, 4 de decembro de 2017

Parlamento Xove 2018



A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado abre o prazo para a inscrición na novena edición de Parlamento Xove.
Destinatarios: centros educativos de 1º e 2º de Bacharelato e 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria.
O Parlamento Xove é unha competición na que os diversos equipos inscritos, formados por catro alumnos/a e un profesor que será o coordinador,  investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. O programa realizarase en dúas fases, unha primeira clasificatoria da que xurdirán oito equipos gañadores, que se enfrontarán nunha segunda fase final. Paralelamente, se desenvolverá un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.
O obxectivo desta iniciativa é fomentar entre a xuventude o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias; ao tempo que se potencian as habilidades individuais e grupais promovendo a selección de información, a expresión oral e escrita, as competencias básicas, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo e a convivencia. Tamén se fomenta a tolerancia, a toma de conciencia no comportamento democrático e respecto polas ideas dos demais.

Toda a  información no seguinte enlace:
http://www.parlamentoxove.com/

mércores, 23 de novembro de 2016

Arranca a oitava edición de Parlamento Xove!!!



A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado abre o prazo para a inscrición na oitava edición de Parlamento Xove
Destinatarios: centros educativos de 1º e 2º de Bacharelato e 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A iniciativa Parlamento Xove é unha competición de debate na que os estudantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento (a favor ou en contra) acerca do tema proposto pola organización. Cada equipo está composto por catro alumnos e alumnas e un profesor-coordinador. Os mozos e mozas  deben investigar sobre os temas propostos (distinto na fase preliminar e na final) e, o día do encontro, defender no debate a postura que lles toque por sorteo.

Toda a  información no seguinte enlace:
http://www.parlamentoxove.com/index.php/Seccions/Areas/regulamento.php