luns, 14 de xaneiro de 2019

Parlamento Xove 2019

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten aberto ata o vindeiro 21 de xaneiro o prazo para participar na décima edición do Parlamento Xove, programa de debate que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade.
Está dirixido ao alumnado galego de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato e en total poderán participar 48 equipos, 24 por cada categoría.
A iniciativa consiste nunha competición na que os diversos equipos inscritos, formados por catro alumnos e un profesor que será o coordinador, investigarán, escribirán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. O programa realizarase en dúas fases: unha primeira clasificatoria, da que xurdirán oito equipos gañadores, e unha segunda na que estes equipos se enfrontarán nunha fase final. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.
Inscrición
Os equipos interesados en participar no Parlamento Xove 2019 deberán enviar telematicamente o formulario de participación dispoñible na páxina web oficial da competición. Unha vez adxudicado ao centro unha ou dúas das 24 prazas (por categoría), este deberá enviar por correo certificado o formulario de inscrición (inclúe a composición do equipo) antes do 31 de xaneiro de 2019 á Xuventude debidamente cuberto e co selo do centro de ensino.
Tema
Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da Unión Europea?
Fases da competición
A competición terá dúas fases:
Fase clasificatoria:  os equipos debaterán entre si o/s día/s sinalado/s pola organización, coa temporalización e distribución de emparellamentos resultante do sorteo que se realizará publicamente o día anterior ao inicio dos debates, unha vez que se coñeza o número exacto de participantes.
Os dous equipos que se enfrontarán en cada encontro defenderán posturas opostas:
un equipo asumirá a postura A FAVOR e o outro a postura EN CONTRA, que se decidirá por sorteo minutos antes do comezo do debate.
A duración desta fase clasificatoria dependerá do número de equipos participantes, tendo sempre un tempo adicado á competición e outro pensado para o lecer.
Fase final:  os 8 equipos mellor posicionados na fase clasificatoria debaterán sobre o tema proposto para esta final de eliminatoria directa. Faranse varios encontros (catro debates en cuartos de final, dous en semifinais e a final). As características dos debates serán as mesmas que na fase clasificatoria.
Premios
1) Os equipos gañadores do Parlamento Xove: unha viaxe para os/as cinco integrantes do equipo valorada en 5.000 €.
2) O equipo finalista: un agasallo a cada un dos/das cinco integrantes do equipo.
3) Os catro mozos e mozas integrantes de cada equipo gañador e finalista en cada unha das categorías participarán nunha fin de semana de ocio educativo organizada por Xuventude.
4) O equipo cuxo artigo de investigación fose o mellor valorado: un agasallo a cada un dos/das cinco integrantes do equipo.
5) Os/as integrantes do xurado poden facer mencións especiais daqueles/as oradores/as que lles parezan máis brillantes nas súas execucións considerando os criterios de avaliación establecidos. O alumnado distinguido con esta mención recibirá un diploma acreditativo emitido por Xuventude.
Prazo para inscribirse: 21 de xaneiro de 2019
Máis información:
http://www.parlamentoxove.com/images/2019/bases_2019.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario