venres, 18 de xaneiro de 2019

Curso para ser profesor de formación vial


A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) convoca un Curso para obter o certificado de aptitude de profesor de formación vial. O curso, que terá carácter teórico e práctico, constará de dúas fases: unha de ensino a distancia e outra de formación presencial no centro onde o curso se celebre.
As quendas da fase de presencial terán lugar nas Palmas de Gran Canaria, León, Madrid, Murcia, Palma de Mallorca, Sevilla, Valencia e Zaragoza.
Proba previa de selección: 
As persoas aspirantes serán sometidas a unha proba previa de selección que consistirá na realización de dúas probas eliminatorias, unha teórica e outra práctica. 
A proba teórica, que versará sobre normas relativas a condutores, vehículos e circulación, sinais reguladores da circulación e cuestións de seguridade vial, terá carácter eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito, en impreso facilitado ao efecto, a un cuestionario de 30 preguntas, seguindo un sistema de elección múltiple.
A proba práctica versará sobre técnica e dominio da condución e circulación en vías abertas ao tráfico, e terá unha duración mínima de 25 minutos.
Requisitos:
Estar en posesión do título de Educación Secundaria Obrigatoria ou de Técnico (Formación Profesional de Grao medio) ou acreditar documentalmente que se posúen estudos equivalentes ou superiores.
Ser titular do permiso de condución da clase B que habilita para conducir vehículos con cambio de marchas manual, polo menos, cunha antigüidade mínima de dous anos.
Posuír as condicións psicofísicas e psicotécnicas que actualmente se esixen para a obtención dun permiso do grupo 2.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 11 de febreiro de 2019.
Máis información no BOE do 9 de xaneiro de 2019 e en www.dgt.es

1 m2 polos ríos, encoros e pantanos


Proxecto LIBERA, a través da convocatoria lanzada para os días 9 ao 17 de marzo de 2019, pretende levar a cabo unha nova  accion de ciencia cidadá “1 m2 polos ríos, encoros e pantanos”
O Proxecto LIBERA pretende contribuír a acabar co grave problema que supón o abandono de lixos e residuos nos espazos naturais.
Como sempre nos seus m2 por contornas poderanse unir á iniciativa organizacións, entidades, empresas, Ong, asociacións... que queiran organizar unha batida dentro das datas indicadas e sempre que en beiras de ríos encoros e/ou pantanos. O obxectivo principal é achegar datos a unha base común, para coñecer cal é o estado da nosa natureza mediante unha sinxela  APP (e- Litter). 
 
Desde o Proxecto LIBERA facilitarásevos unha formación para aprender a caracterizar os residuos, ofreceranvos un pack con material para a recollida e facilitaranse os seguros de voluntarios.
O  proxecto Libera foi creado pola ONG ambiental SEO/BirdLife, en alianza con  Ecoembes, a organización ambiental sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe dos envases.

luns, 14 de xaneiro de 2019

Parlamento Xove 2019

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten aberto ata o vindeiro 21 de xaneiro o prazo para participar na décima edición do Parlamento Xove, programa de debate que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade.
Está dirixido ao alumnado galego de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato e en total poderán participar 48 equipos, 24 por cada categoría.
A iniciativa consiste nunha competición na que os diversos equipos inscritos, formados por catro alumnos e un profesor que será o coordinador, investigarán, escribirán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. O programa realizarase en dúas fases: unha primeira clasificatoria, da que xurdirán oito equipos gañadores, e unha segunda na que estes equipos se enfrontarán nunha fase final. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.
Inscrición
Os equipos interesados en participar no Parlamento Xove 2019 deberán enviar telematicamente o formulario de participación dispoñible na páxina web oficial da competición. Unha vez adxudicado ao centro unha ou dúas das 24 prazas (por categoría), este deberá enviar por correo certificado o formulario de inscrición (inclúe a composición do equipo) antes do 31 de xaneiro de 2019 á Xuventude debidamente cuberto e co selo do centro de ensino.
Tema
Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da Unión Europea?
Fases da competición
A competición terá dúas fases:
Fase clasificatoria:  os equipos debaterán entre si o/s día/s sinalado/s pola organización, coa temporalización e distribución de emparellamentos resultante do sorteo que se realizará publicamente o día anterior ao inicio dos debates, unha vez que se coñeza o número exacto de participantes.
Os dous equipos que se enfrontarán en cada encontro defenderán posturas opostas:
un equipo asumirá a postura A FAVOR e o outro a postura EN CONTRA, que se decidirá por sorteo minutos antes do comezo do debate.
A duración desta fase clasificatoria dependerá do número de equipos participantes, tendo sempre un tempo adicado á competición e outro pensado para o lecer.
Fase final:  os 8 equipos mellor posicionados na fase clasificatoria debaterán sobre o tema proposto para esta final de eliminatoria directa. Faranse varios encontros (catro debates en cuartos de final, dous en semifinais e a final). As características dos debates serán as mesmas que na fase clasificatoria.
Premios
1) Os equipos gañadores do Parlamento Xove: unha viaxe para os/as cinco integrantes do equipo valorada en 5.000 €.
2) O equipo finalista: un agasallo a cada un dos/das cinco integrantes do equipo.
3) Os catro mozos e mozas integrantes de cada equipo gañador e finalista en cada unha das categorías participarán nunha fin de semana de ocio educativo organizada por Xuventude.
4) O equipo cuxo artigo de investigación fose o mellor valorado: un agasallo a cada un dos/das cinco integrantes do equipo.
5) Os/as integrantes do xurado poden facer mencións especiais daqueles/as oradores/as que lles parezan máis brillantes nas súas execucións considerando os criterios de avaliación establecidos. O alumnado distinguido con esta mención recibirá un diploma acreditativo emitido por Xuventude.
Prazo para inscribirse: 21 de xaneiro de 2019
Máis información:
http://www.parlamentoxove.com/images/2019/bases_2019.pdf

martes, 18 de decembro de 2018

Transporte gratuito para a mocidade: tarxeta xente nova

A Dirección Xeral de Mobilidade amplía o prazo de vixencia da tarifa Xente Nova, para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos de idade, incluídos.
Á xente nova aplicaráselle unha tarifa de 0 € nas viaxes metropolitanas interurbanas realizadas dentro do ámbito do Plan de transporte metropolitano de Galicia, cun número máximo de 60 viaxes mensuais por persoa usuaria.
Que é?
A Tarxeta Xente Nova é a tarxeta de transporte metropolitano de Galicia que permite realizar todas as viaxes interurbanas gratuítas.
Quen a pode utilizar?
Mozos de entre 4 e 18 anos, porque os menores de 4 anos xa viaxan gratis no transporte interurbano. Cando cumpras 19 poderás seguir usando a tarxeta ata que se esgote o saldo.
Como conseguila?
1. Solicita cita nesta páxina:http://solicitudonline.abanca.com/Tarjetas/gl/txn
2. Ao facilitar os datos que se solicitan xerarase unha cita na oficina Abanca máis próxima. Non é necesaria unha conta asociada.
3. Unha vez alí, só necesitan o teu DNI. A tarxeta é gratuíta. Lembra que, se aínda non cumpriches os 18 anos, deberá solicitala o teu representante legal, que, xunto co teu DNI, só terá que levar o seu DNI e o libro de familia ou documentos equivalentes.
4. A túa tarxeta xa está lista. Podes levala contigo e empezar a viaxar.
Máis información en http://tmg.xunta.gal/xente-nova-que-e e no correo electrónico: tmg@xunta.gal

mércores, 6 de xuño de 2018

Iniciativa Xove 2018



A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca o programa Iniciativa Xove que consiste en axudas económicas para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2018, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.
A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Áreas de atención prioritaria:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
c) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
d) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
e) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.
f) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución, desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
g) Conservación do ambiente e do patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor.
h) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
i) Dinamización da lingua galega entre a mocidade
Destinatarios/as:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil.
b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións que as conforman.
Requisitos:
- As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
- Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozos/as con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos no momento de presentar a solicitude, debidamente identificados/as, e un/unha deles/as asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Así mesmo, será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán de estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.
O incumprimento por parte de calquera das persoas membros do grupo do requisito da idade ou do empadroamento suporá a non admisión a trámite da solicitude.
Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación, de ámbito autonómico ou provincial, solicitante destas axudas.
Proxectos:
Os proxectos deberán levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €.
Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2018.
Neste enlace podedes ver proxectos subvencionados en edicións anteriores: http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 18 de xuño de 2018.
Pódese tramitar en https://sede.xunta.es no procedemento BS306B.
Máis información no DOG do 16 de maio de 2018 e en http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove

luns, 4 de xuño de 2018

Axudas a entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas mozas


A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro
Requisitos
Entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) na data de publicación da presente convocatoria, que establezan accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coa área de actuación recollida no RUEPSS
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 15 de xuño de 2018.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co procedemente TR352C
Máis información no DOG do 15 de maio de 2018 e en http://emprego.ceei.xunta.gal/axudas-e-subvencions

domingo, 3 de xuño de 2018

Programa de Axentes Mozos en Educación para a Saúde (PAJEPS 2018)

Desde a Fundación de Educación para a Saúde (FUNDAEPS), presentan novamente o Programa de Axentes Mozos en Educación para a Saúde (PAJEPS 2018) que leva 23 anos formando á mocidade co obxectivo de que poidan intervir na súa comunidade.
Trátase dun programa organizado por FUNDADEPS e subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, que ten por obxectivo promocionar hábitos de vida saudables entre a poboación xuvenil a través da formación de mozas.
Os requisitos que se deben cumprir para participar son:
- Mocidade entre 18 e 30 anos.
- Que residan en España.
- Que sexan presentados ou avalados por calquera organismo ou entidade de carácter público ou privado.
Durante unha semana de convivencia (16 a 20 Xullo) realízase a formación para ser Axente de Saúde nos seguintes temas:
- Educación para a Saúde.                            
- Metodoloxía de Intervención en  EpS.
- Técnicas de Intervención en  EpS.          
- Técnicas de comunicación.
- Educación Ambiental.                    
- Educación Afectivo-Sexual.
- Prevención de Adiccións.                     
- Nutrición e Alimentación.
- Actividade Física.                                         
- Recursos  Psicoemocionales en EpS.
- Recursos Sociais en EpS.
Unha vez finalizado o curso, os participantes dispoñen de 5 meses para realizar intervencións en organismos ou entidades da súa comunidade. Posteriormente conseguen Un diploma de Axente de Saúde que certifica o total de horas de formación recibidas (25 h) máis as horas de intervención que realizasen recoñecido por FUNDADEPS.
Para participar os/ as interesados/ as deben:
1. Cumprimentar a ficha de adhesión (necesita o selo e/ou firma do organismo ou entidade que lle avala).
2. Enviar a ficha de adhesión selada e un CV con fotografía. Poden facelo por e-mail: agentesdesalud@fundadeps.org  ou á dirección postal:
Programa  PAJEPS,  FUNDADEPS, Hospital Clínico San Carlos,  C/ Prof. Martín Lagos s/n. Servizo de Medicina Preventiva 3ª Norte 28040 Madrid. (Poñendo  Att: Irene Ramos).
3. Unha vez recibida toda a información forman parte da lista de preinscricións. Posteriormente realizarase unha selección, se resulta seleccionado/a recibirán un e-mail confirmando a súa asistencia en  PAJEPS 2018.
Lugar:  Colexio Gredos San Diego Buitrago. Avda. de Madrid 16.  Buitrago de Lozoya (Madrid)
Data:  Do 16 ao 20 de Xullo
Cota a pagar:  65 € (inclúe: transporte, aloxamento, formación e certificación).
Máis información en https://www.fundadeps.org/Actividad.asp?codactividad=97
A través das redes sociais (FACEBOOK: Agentes de Salud, FUNDADEPS).
e-mail agentesdesalud@fundadeps.org
Teléfonos: 91 330 3422 y 91 330 3705