luns, 8 de febreiro de 2021

Axudas aos concellos para formación e contratación de persoas mozas


    A Consellería de Emprego e Igualdade convoca subvencións aos concellos para a realización de programas de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

    Poderán ser persoas beneficiarias participantes destes programas aquelas persoas mozas de 18 ou máis anos que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente no momento da selección do alumnado, inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

    Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

    Duración
    A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de doce meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
    A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será con carácter xeral o 16 de xuño de 2021.

    Contidos formativos
    1. Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado traballador recibirá formación profesional para o emprego, alternándoa coa práctica profesional.
    2. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado será contratado pola entidade promotora na modalidade do contrato para a formación e aprendizaxe.
    3. Durante esta etapa os alumnos e alumnas percibirán as retribucións salariais que lle correspondan.
    4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de remate do proxecto.
    5. Nos proxectos impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.
    6. Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os estereotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha gran incidencia na empregabilidade das mulleres xóvenes

    Orientación, información profesional, formación empresarial e asesoramento
    1. O alumnado durante todo o proceso formativo, recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para efecto.
    2. Ao remate da actividade do proxecto, as entidades promotoras prestaranlles asesoramento ao alumnado participante, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia.

    O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 2 de marzo de 2021.
    As solicitudes tramitaranse en https://sede.xunta.es co procedemento TR353B
    Máis información no DOG do 2 de febreiro de 2021 e en http://garantiaxuvenil.fondoseuropeos.gal

    Ningún comentario:

    Publicar un comentario