venres, 28 de maio de 2021

 



ARTES PARA A INCLUSIÓN SOCIAL:XIRA INCLUSIVA DO PROXECTO JAMM-IN

 

Unha vintena de persoas de moi diversas procedencias e realidades económicas, sociais e culturais levarán a diferentes puntos da nosa xeografía un espectáculo teatral creado aquí en Galicia e que chegará ao corazón de Europa nos meses vindeiros da man do proxecto JAMM-IN. Proxecto que traballa a inclusión social mediante as artes e que está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea.

 

A xira inclusiva comezou o martes 25 na Casa da Cultura do Milladoiro, Nos días seguintes visitará as bisbarras das Mariñas (con paradas en Betanzos, Bergondo e O Temple, Cambre), a Costa da Morte (centros educativos de Cee) e a Galicia interior (comarcas do Ulla e Deza, Vedra e Lalín). Serán 12 representacións que incluirán coloquios entre as artistas e o público xuvenil a modo de encontro intercultural con persoas diversas, que axude a botar por terra estereotipos e convide a desenvolver narrativas de esperanza.

 

Esta peza é froito do laboratorio teatral que dende o 20 de maio está a ter lugar no Albergue Xuvenil de Gandarío (Concello de Bergondo) no que participan persoas moi diversas tocante a súa singularidade persoal, procedencia cultural, situación social e historias de vida, mais todas elas persoas ao fin e ao cabo, persoas sensibles e sensibilizadas coa dignidade da humanidade.

 

O proxecto chegará este venres 28 de maio ao Espazo Xove de Lalín nunha sesión jamm aberta a todas as artes e artistas que comezará ás 18h.

 

O encontro é unha das primeiras acción internacionais deste tipo que se realizan en todo o continente europeo dende a declaración da pandemia sanitaria, con medidas de seguridade e sentidiño, mediante as artes queremos dar voz aos sen voz e dar renda solta á expresión da tan necesaria emocionalidade humana.

 

Para máis  información: Espazo Xove Lalín

886151267

espazoxovelalin.xuventude@xunta.gal


                                                                                                                                                  Máis info sobre o proxecto en www.jamminproject.eu 


ESPAZO XOVE DE LALÍN



Ningún comentario:

Publicar un comentario