martes, 24 de xaneiro de 2017
Caso Acoso
@casoacoso é unha iniciativa contra o acoso escolar da Delegación de Alumnos de Dereito de Ourense.
O artigo 15 da Constitución española recolle que entre os dereitos e deberes fundamentais dos cidadáns está que “todos teñen dereito á vida e á integridade física e moral, sen que, en ningún caso, poidan ser sometidos a tortura nin penas ou tratos inhumanos ou degradantes”. Explicando este artigo, os membros da Delegación de Alumnos da Facultade de Dereito do campus de Ourense comezan cada unha das sesións que están a desenvolver.
Os estudantes hoxe universitarios, pero hai poucos anos rapaces e rapazas como os que hoxe asisten ás súas charlas, volven ás aulas de Educación Secundaria Obrigatoria para contribuír a que o alumnado sexa consciente do que é o acoso e das súas consecuencias. Para acadalo, as sesións contan co testemuño en primeira persoa de estudantes universitarios que viviron durante a súa etapa na ESO situacións de acoso.
A actividade proposta divídese en diferentes bloques de actuación. O primeiro está formado por charlas que se realizan nos propios centros e o segundo será unha sesión que se celebrará en maio no campus de Ourense como peche de toda a programación.
Co proxecto xa en marcha, os centros educativos interesados en acoller algunha das sesións da campaña Caso Acoso poden pórse en contacto coa Delegación de Alumnos da Facultade de Dereito para acoller unha nova edición desta iniciativa. Igualmente, desde a súa organización convidan a outras delegacións de alumnos interesadas en levar a cabo iniciativas similares a que se poñan en contacto con eles para intercambiar información e boas prácticas.
https://www.facebook.com/casoacoso/?ref=nf
https://twitter.com/CasoAcoso
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario